O PP coruñés presentará aos seus 93 candidatos a alcaldes antes de que termine o 2022


O presidente do Partido Popular na provincia de A Coruña, Diego Calvo, asegurou este mércores que a súa formación presentará aos mellores candidatos e grandes equipos para afrontar con garantías as eleccións municipais do próximo mes de maio, unha cita que cualificou como o punto de partida do que será, dixo, o “cambio político” que necesita a provincia, Galicia e España e que continuará coas xerais do 2023.

Durante a xunta directiva provincial, e acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo seu homónimo na provincia, Evaristo Ben, Calvo puxo sobre a mesa que na cita coas urnas locais os cidadáns terán que elixir entre a “nefasta e errática” política de Pedro Sánchez e os seus socios de goberno e os gobernos “sólidos, con liderado e con propostas pensadas para mellorar a vida dos cidadáns” representados no Partido Popular.

Neste sentido, o líder dos populares na provincia destacou o importante papel que xogarán os 93 candidatos que a súa formación irá dando a coñecer antes de que termine o 2022.