O PP da Deputación pide unha auditoría para coñecer o estado real da rede viaria provincial

1 minutes read
  • Tamén levarán ao pleno a formación dunha comisión especial para planificar e ditaminar as actuacións máis urxentes

O Partido Popular da Deputación da Coruña levará ao próximo pleno unha moción na que reclamarán que a entidade provincial elabore unha auditoría completa para coñecer o estado actual da rede de vías provinciais para, posteriormente, poñer en marcha un plan plurianual que permita mellorar a rede de estradas que percorre os 93 municipios da provincia coruñesa.

Os populares cren que o mantemento non debe limitarse unicamente á mellora na circulación dos vehículos posto que afecta a outros moitos aspectos como a redución no risco de accidentes, o consumo de combustible ou as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Na moción presentada, os populares reclaman tamén un acordo para creación dunha comisión especial composta por deputados de cada un dos grupos con representación na Deputación, ademais dos funcionarios técnicos do servizo de Vías e Obras da institución. Este órgano, explican dende o PP, sería o encargado de planificar e ditaminar as actuacións máis urxentes, así como a planificación do mantemento, conservación e execución de novos proxectos.

O PP sinala que o executivo provincial debe “abandonar dunha vez por todas a política de parcheo e lavado das vías” e “incrementar as partidas económicas” para realizar os plans necesarios nas estradas, “con independencia” do color político das institucións afectadas.