O PP da Laracha acusa ao PSOE de mentir sobre o control da velutina a nivel local

Segundo informan os populares nun comunicado que transcribimos integramente, os socialistas da Laracha minten cando afirman que o concello non ten medios para retirar os niños de avespa velutina. A dotación económica municipal é suficiente para asumir os gastos e atender todas e cada unha das emerxencias. En calquera caso, se fose preciso incrementala o concello faríao. A transferencia de crédito aprobada era sobre a partida orzamentaria para a posta en funcionamento do novo centro de emerxencias municipal, o que se realizará en 2020.

Os datos falan por si mesmos. Ata o día de hoxe déronse 230 avisos no que vai de ano e deles foron retirados 225 niños. Os 5 niños detectados e que restan por eliminar sitúanse a gran altura, en árbores ubicadas en puntos dificilmente accesibles por emprazarse en zonas de monte e densas arboredas, polo que a intervención require do uso de grúas e dun estudo previo para acceder e, por tanto, de maior tempo de organización.

Ademais, o concello investiu en prevención realizando desde o inicio da primavera campañas informativas dirixidas á poboación en xeral sobre a avespa velutina, colocando trampas en puntos estratéxicos e distribuíndo centos de trampas caseiras e líquido atraínte entre a veciñanza.

Tamén desde o concello se levan a cabo programas dirixidos á mocidade para animar ós rapaces a incorporarse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Grazas a eles estanse realizando a inmensa maioría das intervencións para a eliminación de niños de velutina en 24-48 horas. Por iso o Partido Popular da Laracha agradece o seu traballo e esforzo.

Os socialistas da Laracha minten cando afirman que se reduciu o gasto municipal na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, xa que aportación neste ano incrementarase nun 50% con respecto ó exercicio anterior.

Desde o PP da Laracha esiximos ós socialistas maior altura política, seriedade e que non distribúan bulos nos medios de comunicación coa intención de enganar á poboación creando infundadas alarmas sociais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha