O PP de Camariñas critica a xestión económica que leva a cabo o Goberno Local


A candidata á alcaldía do Partido Popular de Camariñas para as eleccións municipais do próximo mes de maio, Paula Mouzo Mas, criticou este sábado que o Goberno Local aprobase o pasado mércores, nun pleno extraordinario, un plan de axuste e a decisión de adherirse ao Fondo de Financiamento de Entidades Locais do Goberno para facer fronte ao pago de máis dun millón de euros que o executivo local tiña pendente en facturas a provedores.

Os populares censuran esta medida tendo en conta que, segundo Mouzo, suporá un maior endebedamento das arcas municipais, á vez que confirma a “nefasta xestión económica” levada a cabo polo executivo local nos últimos anos. “Todos sabemos que este tipo de préstamos acábanos pagando os veciños a base de máis impostos”, apuntou a popular, quen incidiu no feito de que a débeda do Concello de Camariñas  supera os dous millóns de euros.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Camariñas pregúntanse que fixo o Goberno Local co diñeiro dos veciños durante todos estes anos, resulta a todas luces “anormal” a débeda xerada en facturas pendentes. “Creo que o executivo municipal ten moitas explicacións que dar. Coa aprobación deste crédito tenta tapar as súas vergoñas, tentan enganar á xente vendendo un pago que o único que representa e a falta total de xestión local e a suma de intereses a débeda acumulada”, dixo Mouzo.

Por último, a candidata popular atacou tamén o momento no que se afrontará o pago desta débeda, antes do 22 de Maio “En plena campaña”, concluíu Mouzo.