O Partido Popular de Carballo puxo en marcha este venres ás 19.00 horas o seu portal web, fíxoo coa finalidade de abrir máis e mellores vías de comunicación co seu electorado para os comicios municipais do próximo ano. A páxina ppcarballo.es pode consultarse en galego e castelán e está pensada para recibir suxerencias e mostrar a actividade do PP a nivel local. O Partido Popular de Carballo, xunto coa agrupación municipalista Xuntos Carballo M+J, están a realizar unha fiscalización constructiva constante ao Goberno do BNG, con multitude de iniciativas para a mellora da vida diaria dos carballeses e carballesas. A portada da web do PP está composta por unha serie de instantáneas correspondentes a diferentes denuncias de carencias na vila, pero tamén de agradecemento ao de momento presidente Feijóo, así como outra do presidente da xestora local e portavoz municipal do partido, Rubén Lorenzo, quen dá a benvida aos visitantes a «unha porta aberta a todos e todas os que queiran entrar nesta gran familia».