- A voceira do partido, Paula Nogueira, cualifica de «incomprensible» que desde a administración non se invistan fondos en actuacións fundamentais
O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, arremete contra o goberno local por non destinar máis fondos do remanente municipal e por non investilos nas «demandas e necesidades» da veciñanza. Nogueira cualificou de “incomprensible” que agora que o executivo pode dispoñer destes fondos «deixe aos carballeses sen actuacións fundamentais» para poder facer fronte ás consecuencias da Covid-19.
Neste sentido, os populares cargaron contra os proxectos que o goberno local elixiu unilateralmente para desenvolver nos próximos meses. «Carballo figurará como un dos concellos que máis invisten en obras en Galicia, pero esperemos que non lidere a lista de peche de negocios e locais comerciais», apuntan desde o PP.
“Temos a Vieiro e a Afaber traballando en precario», destaca a portavoz dos populares, quen ademais cre que un bo uso do remanente sería a creación dunha saída do polígono industrial de Bértoa coa avenida de Razo para «aliviar o tráfico». Outro dos problemas que ven os populares é que o goberno local aposte por reformas de espazos que «hoxe por hoxe non se poden utilizar nin probablemente nos vindeiros meses, como o mercado municipal».