- Os populares consideran «bochornoso» o intento dalgúns partidos para desprestixiar os orzamentos autonómicos
O Partido Popular de Carballo, a través do seu deputado autonómico, Rubén Lorenzo, resaltou este luns o “firme compromiso” que a Xunta de Galicia mantén con todos os carballeses, despois de comprobar que as contas autonómicas destinan para os 2021 máis de 2 millóns de euros de investimento directo para o municipio.
Lorenzo cualificou de “bochornoso” o intento que algunhas forzas políticas –en referencia ao BNG- están a realizar para confundir aos carballeses. “Non imos tolerar que se engane á xente. Os orzamentos autonómicos están ao disposición de todo o mundo, e neles pódese comprobar que só en investimento directo superamos os dous millóns de euros”, dixo Lorenzo.
Neste sentido, o deputado autonómico puxo sobre a mesa os máis de 500.000 euros que destinará a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a adquisición de equipamentos para educación infantil e primaria, ou o financiamento do banco de libros.
Lorenzo aproveitou para resaltar tamén os máis de 400.000 euros que a Xunta de Galicia investirá na mellora da residencia da Terceira Idade. “Dá a sensación de que a algúns hai que regalarlles unha calculadora para que sumen ben porque, pola contra, non se entenden as contas que están a facer”, indicou.