O PP de Carballo pide ao goberno local que «sume» para crear o centro integral de saúde

Imagen de Rubén Lorenzo_PP de Carballo

  • Este mércores Concello e Sanidade abordaron diferentes fórmulas urbanísticas para mellorar o servizo sanitario na comarca

O grupo municipal do Partido Popular en Carballo, a través do seu concelleiro, Rubén Lorenzo, reclama ao goberno local que «faga todo o que estea na súa man para que o municipio conte canto antes co centro de saúde intregral». Esta petición chega despois da xuntanza mantida este mércores entre representantes do executivo local e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que que se abordaron as diferentes fórmulas urbanísticas necesarias para mellorar o servizo sanitario tanto na localidade como na comarca de Bergantiños.

Os populares piden ao goberno local que «sume» e que faga posible a ampliación do actual centro de saúde de Carballo nunha parcela anexa ao mesmo, sendo esta unha posibilidade que o goberno local non considera axeitada xa que o espazo non é de titularidade municipal. Ante esta situación, o executivo local ofrece á Xunta un lugar na rúa María Barbeito para construír un novo edificio e así ampliar novos servizos.

«A Xunta segue a súa folla de roteiro e non pretende a construción dun novo centro de saúde, senón ampliar o actual», explicou Lorenzo, que cualificou de «incomprensible» a actitude do alcalde e os seus concelleiros, aos que acusou de votar en contra da moción do PP e, posteriormente, reclamar a construción dun segundo centro de saúde a 800 metros do actual; unha medida que, según o edil popular, resulta «inoperativa e incómoda».

Rubén Lorenzo tamén pediu ao goberno local que «abandone a confrontación coa Xunta de Galicia, que deixe de faltar á verdade utilizando os medios oficiais do Concello e que non confunda dicindo que o Executivo Autonómico pretende facer un novo edificio pegado ao centro de saúde xa existente».