O PP de Carballo recupera a Ricardo Vilas para a primeira liña da política municipal


O candidato do Partido Popular á alcaldía de Carballo nas eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio, Aurelio Núñez, anunciou este sábado que Ricardo Vilas Otero (Carballo, 1946) regresa á primeira liña da política municipal para traballar da man da súa formación.

Concelleiro en Carballo de 1979 a 1987, o novo integrante do equipo popular comezou a súa vida política en UCD, con Sánchez Vilas, para, posteriormente, incorporarse á coalición AP- PDP- UL.

“Regreso porque o proxecto que me ofrece o Partido Popular paréceme moi ilusionante, e fágoo polos meus netos e todos os nenos da súa idade, para que teñan un pobo do que se poidan sentir orgullosos”, afirmou Vilas, quen incidiu na importancia de traballar para que Carballo teña todas as necesidades –deportivas, culturais e sociais- cubertas.

Ademais, engadiu, “á miña idade sígome sentindo mozo con ganas de traballar para poñer punto e final a un goberno local esgotado, falto de ideas e que non se merecen os veciños de Carballo”.

Pola súa banda, para o candidato popular, a ‘fichaxe’ de Vilas é a confirmación do compromiso que adquiriu no seu día de conformar un equipo “amplo e integrador” e no que houbese cabida para persoas que aparecen por primeira vez na vida política e outras que xa saben o que é traballar para o Partido Popular.

Empregado de banca, membro fundador da Coral de Bergantiños, directivo do equipo de fútbol, Vilas, dixo Marga Varela, presidenta local dos populares, é unha persoa “ligada á vida social e política de Carballo desde hai moitos anos” e, asegurou que a súa experiencia será de “moita valía” para “fortalecer” o proxecto da súa formación para as municipais.