O PP de Carballo solicita bonificacións fiscais para os vehículos máis sostibles

2 minutes read
  • Con esta iniciativa buscan promover a adquisición de turismos máis limpos e reducir así as emisións contaminantes na localidade

O Partido Popular de Carballo solicita, en dúas iniciativas, bonificacións fiscais e vantaxes para os vehículos de baixas ou nulas emisións de CO2 co obxectivo de aumentar o parque móbil ECO na localidade dentro da liña dos retos marcados pola Unión Europea. Tamén demanda unha rede de puntos de recarga no núcleo urbano e nas zonas costeiras máis concorridas. Estas dúas demandas buscan «promover a adquisición de vehículos limpos, aumentar o seu uso na nosa vila e reducir as emisións contaminantes», afirman os populares.

A primeira das mocións está en liña coa bonificación do imposto de vehículos de tracción mecánica nun 75% para todos os vehículos ECO e con etiqueta de ‘0 emisións’, segundo a clasificación implantada pola DXT. Esta bonificación é actualmente a máxima que se pode implementar segundo o regulamento 2/2004 de facendas locais. Aqueles veciños que teñan a etiqueta ECO nos seus vehículos terán unha bonificación do 75% do imposto durante 6 anos dende a matriculación do turismo; mentres que os de ‘0 emisións’ terán a bonificación máxima en todo o ciclo de vida do mesmo.

Os populares solicitan actualizar a ordenanza fiscal «obsoleta», vixente dende o ano 2003, que regula o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para que Carballo se adapte ás novas medidas impulsadas pola Unión Europea para «avanzar na reducción da pegada de carbono», sinala o voceiro do Partido Popular, Rubén Lorenzo.

A segunda moción está ligada á instalación das infraestruturas necesarias para un uso intensivo destes novos vehículos. Os populares din ser «conscientes da incerteza que amosan os cambios» e por iso solicitan que se implante unha rede de cargadores de alta velocidade (10-15 minutos para recargar dun 20% a un 80% de batería, uns 300 quilómetros aproximadamente) para aqueles que teñan  vehículos enchufables e, deste xeito, ofrecer un «servizo público e de calidade». Lorenzo apunta que esta rede de cargadores «daría servizo á veciñanza carballesa, ademáis de poñer a Carballo como punto de referencia para os usuarios deste tipo de vehículos que visiten a Costa da Morte». Nesta liña, o partido tamén propón que aqueles vehículos con etiqueta ‘0 emisións’ queden exentos da limitación temporal de estacionamento nas zonas azuis do municipio.

Por último, dende o PP de Carballo solicitouse a concienciación da veciñanza ante unha posible futura instalación dunha Zona de Baixas Emisións no núcleo urbán da vila, informando aos veciños «dos cambios que conlevará a normativa Europea na mobilidade das cidades e tamén da nosa vila», explica Lorenzo.