O Partido Popular de Cee pide “maior respecto e humildade” á alcaldesa socialista de Cee, Margarita Lamela, a quen acusa de “gobernar desprezando á oposición” e usar de maneira “panfletaria e partidista” a felicitación do Nadal pretendidamente institucional na que a líder socialista local, consideran os populares, volveu facer gala do seu peculiar estilo de goberno nepotista “atribuíndose obras que nin sequera pertencen a Cee, como a estrada de Touriñán en Muxía, e ninguneando o papel dos partidos da oposición”, que son os que lle permitiron, co seu voto favorable, aprobar os orzamentos a un goberno que, lembran os populares, “só ten catro dos trece edís cos que conta a corporación”.
Consideran desde o grupo popular ceense que a misiva, á que tachan de “panfleto propagandista”, non fai máis que poñer de manifesto, unha vez máis, “a actitude soberbia e irrespectuosa” da rexedora socialista, a cal cren que debería mostrar maior humildade e respecto cara a unha oposición “que é maioritaria e, sen cuxo voto favorable, non podería levarse a cabo proxecto algún do actual goberno socialista”. Opinión crítica dun Partido Popular que, no pleno recentemente celebrado en Cee, si sumou o seu voto favorable á proposta do goberno local de solicitar á Xunta melloras na Carteira de Servizos do HVX de Cee. Os Populares conclúen afirmando que “sen o voto da oposición este goberno sería un total desgoberno”.
16