O PP de Cee pon en valor o papel crave das asociacións e reclama máis apoio e medios para elas

2 minutes read

O grupo municipal do Partido Popular de Cee quixo resaltar, a través do seu portavoz, Jesús Picallo, o traballo “fundamental” que realizan as asociacións locais, ás que considera a “auténtica base do tecido social, cultural e económico do municipio”.

O populares lembran que boa parte da actividade que dá vida ao Concello —festas populares, eventos culturais, dinamización comercial e social— descansa no esforzo voluntario das asociacións, que, incidiu Picallo, asumen unha enorme responsabilidade con recursos moi limitados.

Neste sentido, dende o PP poñen como exemplo a Comisión de Festas da Xunqueira, encargada de organizar as festas patronais do municipio e que contan, apuntan cunha achega económica do Concello “claramente insuficiente”, o que dificulta, din, a continuidade e estabilidade das directivas e pon en risco a organización de eventos tan importantes para Cee.

“O problema non é só económico, senón tamén de medios materiais e apoio institucional. Ningunha asociación pode sosterse no tempo se non conta cunha colaboración real por parte do Concello”, denunciou Picallo

Lonxe de quedarse aquí, os populares subliñan que coidar o tecido asociativo é “unha obrigación institucional”, toda vez que sen asociacións fortes o municipio perde “dinamismo, cohesión social e identidade”.

Nova asociación local

Así mesmo, os populares aproveitaron a ocasión para felicitar aos empresarios de Cee pola recente creación da súa asociación, unha iniciativa que consideran moi positiva para o comercio e a hostalería local, e que, segundo Picallo, xogará un papel relevante na dinamización do municipio, especialmente en datas crave como o Nadal.

Por todo iso, os populares, que mostraron a súa disposición para  colaborar e apoiar todas aquelas iniciativas que contribúan a fortalecer a economía local, reclama ao Goberno municipal “unha maior implicación, unha mellor planificación e unha dotación suficiente de recursos económicos e materiais para as asociacións”, convencidos de que investir no tecido asociativo é investir no futuro de Cee.