O PP de Cerceda critica e afirma que o alcalde abandonou aos veciños afectados polos eólicos


O PP de Cerceda acusa ao alcalde Juan Manuel Rodríguez de traizoar á veciñanza polo seu cambio de criterio no que se refire ao apoio e asesoramento aos afectados polos parques eólicos previstos no municipio. Así o asegurou a concelleira do Grupo Municipal Popular, Celia López Pallas, na súa intervención no último pleno. “Os nosos veciños, despois de ter recibido o compromiso do alcalde para axudalos, comprobaron aos poucos días como os traizoou”, sinalou.
Na mesma sesión, os Populares presentaron unha moción na que solicitaban ao consistorio que presentara todos os informes elaborados sobre os proxectos eólicos, así como que acudira ás xuntanzas informativas organizadas polas asociacións de veciños. Nesta liña, tamén solicitaron unha liña de axudas destinada a sufragar os custes de asesoramento dun gabinete xurídico.
As propostas dos Populares tamén contaron co apoio do único edil do BNG. Porén, votou en contra todo o Grupo de Goberno, o cal a través dun voto particular do alcalde, propuxo solicitar á Xunta a modificación da lei.
Unha vez finalizado o Pleno, un grupo formado por unha decena de afectados, reprendeu a actitude do rexedor, ao que sinalan como principal responsable de que o Concello se puxera de costas ante esta problemática.
Esta non é a primeira vez que os afectados acoden ao Pleno para esixir responsabilidades ao Grupo de Goberno. O pasado decembro xa solicitaran intervir, pero, segundo o PP, o rexedor ordenou apagar as cámaras da Televisión de Cerceda, non emitindo as demandas feitas polos veciños.
Por outra banda, os Populares tamén destacaron que xa teñen demostrado a súa garantía de estar a carón dos veciños con varios encontros nos que recolleron as súas alegacións para presentar ante a Xunta de Galicia o sentir da veciñanza.