O PP de Cerceda esixe a dimisión do alcalde tras ser condenado a 8 anos de inhabilitación por prevarición


  • Desde o Partido Popular piden a Gonzalo Caballero que “non se esconda e tome cartas no asunto”

O portavoz do Partido Popular no Concello de Cerceda, Francisco Santos, esixiu este xoves o cesamento inmediato de José García Liñares como alcalde do municipio tras confirmarse a sentenza que o condena a oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación.

Desde o grupo popular entenden que, coñecido o fallo, o alcalde de Cerceda “non pode seguir nin un segundo máis” á fronte do municipio. Lembran, ademais, que neste caso “chove sobre mollado” pois García Liñares xa foi condenado hai un ano. “A suspensión temporal daquela sentenza deulle aire para presentarse ás municipais, pero non eliminou a condena”, insiste Santos.

“Non cabe outra saída posible que a marcha de Liñares. Non podemos consentir que unha persoa condenada pola súa xestión á fronte do Concello siga gobernando”, apuntou o popular, quen subliñou que “a xustiza é igual para todos os españois, a pesar de que, en ocasións, ao PSOE lle poida custar entendelo”.

Por outra banda, desde o Partido Popular tamén esixen responsabilidades ao secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, ao que lle esixiron que “non se esconda e que tome cartas no asunto” e cesamento de inmediato a García Liñares.