O PP de Dumbría “rexeita” o peche da oficina local de ABANCA

Sucursal ABANCA Dumbría. Foto.- Cedida.

Desde o Partido Popular de Dumbría, o seu portavoz, Antonio Santamaría González, denuncia que o continuo goteo de peche de oficinas bancarias, particularmente daquelas situadas nos pequenos concellos do medio rural, só “persegue un obxectivo meramente economicista e de rendibilidade, sen ter en conta as peculiaridades propias de poboacións como a de Dumbría, dispersa e envellecida, coas dificultades engadidas para desprazarse e, na súa inmensa maioría, sen formación nin posibilidade de acceso á operativa financeira a través de banca online ou caixeiros automáticos”. 

Para Santamaría, este proceder agrava a dinámica do despoboamento do medio rural, “ante a imposibilidade de acceder aos servizos financeiros máis básicos, polo que fai un chamamento ás entidades financeiras con forte implantación na zona, moitas delas rescatadas con diñeiro público, para que aposten por manter os servizos de proximidade coa poboación e a actividade cun tecido social e económico imprescindible para a súa supervivencia”.