- Pérez Añón cualifica de “farsa” e de “falta de respecto” aos veciños as xustificacións vertidas polo executivo local
O candidato do Partido Popular á alcaldía de Laxe, José Luis Pérez Añón, criticou ao goberno local pola perda do distintivo de bandeira azul coa que contaba a praia máis importante do municipio.
En concreto, os populares cualificaron de “farsa” e de “falta de respecto” aos veciños as xustificacións vertidas polo executivo local, encabezado por José Manuel Mouzo, nas que se asegura que os requisitos esixidos este ano para lograr o distintivo eran inalcanzables para o Concello de Laxe.
Para Pérez Añón este é un exemplo máis do “pasotismo” e a “deixadez” dun alcalde que “nin está, nin se lle espera cada vez que hai un problema ou que os veciños necesitan algunha cousa”.
Desde o Partido Popular aproveitaron para lembrar a “importancia” e o “peso específico” que o turismo ten na economía do municipio durante os meses de verán. E por este motivo explicaron que a perda da bandeira azul “repercutirá negativamente” na afluencia de xente en Laxe, un feito que prexudicará tamén á hostalería e ao comercio do lugar.
«O mínimo que debería facer o alcalde é, en primeiro lugar, pedir perdón, e en segundo lugar, explicar que pasou para que outros municipios da comarca si poidan contar co distintivo e Laxe non», dixo Pérez Añón.