O PP de Malpica traslada unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación do Centro de Saúde de Buño

A semana pasada tomou posesión da praza de facultativo do Consultorio de Buño, tras superar o correspondente proceso de oposición, unha persoa que ten recoñecido legalmente o dereito a unha redución de xornada laboral. Esta circunstancia, nun centro que conta cun único facultativo, dificulta a correcta atención da demanda asistencial.

Tras ser advertido desta situación, o alcalde de Malpica púxose en contacto co xerente da área sanitaria o pasado xoves para interesarse polo tema e solicitar que se lle dea unha solución á maior brevidade posible, co obxectivo de garantir unha atención sanitaria axeitada á veciñanza.

Tendo en conta esta situación, acordouse un cambio de destino deste profesional. Deste xeito, está previsto que a partir do día 1 de febreiro a praza do Centro de Saúde de Buño sexa desempeñada por un profesional a tempo completo.

Desde o Partido Popular de Malpica manifestan o máximo respecto polos dereitos laborais de todas as persoas, ao tempo que defenden a necesidade de buscar solucións que garantan unha atención sanitaria de calidade para todos os veciños e veciñas.

«Seguiremos atentos á evolución desta situación e traballando para que o Centro de Saúde de Buño conte cun servizo sanitario estable e axeitado ás necesidades da poboación», conclúen desde o PP de Malpica.

Related posts

A Deputación da Coruña recibe máis de 330 solicitudes nas convocatorias de axudas de Política Social

O paso da borrasca Joseph deixou máis de 1.200 incidencias rexistradas no 112 Galicia

Vimianzo facilitará a conciliación das familias cos obradoiros de Entroido