Acusan ao alcalde de Muxía de poñer en perigo o futuro das piscifactorías de Lires e de Stolt Sea Farm

Ayuntamiento de Muxía

  • Sandra Vilela criticou que o executivo local votase en contra da moción presentada polos populares pola que se pedía a retirada do proxecto da nova Lei de Costas

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, acusa o alcalde, Iago Toba, de poñer en perigo os postos de traballo das piscifactorías de Lires e de Stolt Sea Farm, despois de que o executivo local do PSOE votase en contra da moción presentada no pleno extraordinario deste pasado luns polos populares, na que se pedía ao goberno central que retirase o proxecto da nova lei de Costas que afecta ao futuro destas empresas.

“É curioso, o PSOE de Cee pensa de maneira distinta a de Muxía. Alí o goberno local vota a favor desta moción, e no noso concello temos que soportar a un alcalde que lle dá as costas aos seus veciños e aos traballadores destas empresas”, lamentou Vilela.

Neste sentido, a portavoz dos populares cargou contra o rexedor ao que acusou de antepoñer intereses partidistas por diante das necesidades e as demandas dos veciños de Muxía. “Quédanos claro de que lado está o señor Toba. Xa sabemos que prefire quedar ben cos seus xefes de Madrid que velar pola xente que se gaña o pan dos seus fillos traballando nestas piscifactorías”, dixo.

Recortes drásticos
Os populares recordaron que o borrador de novo Regulamento recorta drasticamente a prórroga extraordinaria das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre, desvirtuando así o espíritu co que se creou esta figura na reforma da Lei de Costas de 2013.

Vilela criticou que os cambios previstos responden a unha aposta das autoridades de Costas por un litoral libre de actividade produtiva, o que supón optar por un uso preferentemente recreativo fronte aos usos produtivos tradicionalmente vinculados ao mar.