O PP de Muxía acusa o alcalde de crear unha «falsa seguridade» coa crise da auga

Cedida

  • Critican que se deu luz verde ao abastecemento de auga sen saber se era seguro o seu consumo

O Partido Popular de Muxía, a través da súa voceira, Sandra Vilela, cargou contra o goberno local ao responsabilizalo de crear unha sensación de «falsa seguridade» entre a poboación «ao dar por feito que a auga da traída municipal cumpría todos os requisitos para poder consumirse cando aínda non se tiñan as análises definitivas sobre o estado da mesma».

Os populares critican «a rapidez coa que o rexedor pretende dar carpetazo a unha crise que provocou a intoxicación de máis de 200 veciños de Muxía» e denuncian que se deu luz verde ao consumo da auga «sen saber os motivos reais de por que estaba mal e, o que é peor, sen saber se se podía consumir ou non con toda seguridade».

A oposición tamén aproveitou para censurar o comportamento do alcalde, Iago Toba, ao que acusan de «querer converterse nunha vítima de toda esta crise só por facer o seu traballo». Ademais, a portavoz foi un pouco máis aló e recalcou que, mentres os hostaleiros, aos que Vilela sinala que «alguén terá que compensar polas súas perdidas económicas», vían seriamente afectados os seus negocios, o «señor Toba estaba en Cee nun acto do PSOE».

Continúan os controis da auga municipal

Por outra banda, desde o goberno local comunican que se seguen realizando controis permanente do abastecemento da auga da traída do municipio para «garantir a seguridade do seu consumo». Estas análises continúan proporcionando uns «parámentros APTOS para o consumo humano», sinalan desde o consistorio.