A portavoz do grupo do PP de Muxía, Sandra Vilela, advirte que o Goberno central pon en perigo a continuidade da piscifactoría que o Grupo Tres Mares ten en Lires co seu empeño en reformar a Lei de Costas, polo que presentaron unha moción na que reclaman unha vez máis que se paralice esta reforma.
No texto presentado faise fincapé tamén en que, no caso de manter este propósito de modificación das condicións da ocupación de dominio público marítimo-terrestre, o Goberno central o someta a unha nova consulta pública con prazo suficientemente amplo para permitir e facilitar a remisión de alegacións por parte de administracións e axentes sociais afectados.
Por outra banda, a nivel local, Vilela lembrou que o alcalde mentiu no seu día cando dixo que a reforma estaba parada, e que non había intención por parte do Goberno central de levala a cabo.
“O señor alcalde enganou aos veciños e deu as costas aos traballadores da nosa comarca ao votar en contra da moción que se presentou no seu día. Agora ten unha nova ocasión de defender os intereses de Muxía e deixar de lado as siglas e as cores políticas”, dixo a popular.