O PP de Muxía califica de ‘pésima’ a xestión económica do alcalde no prezo da luz e da auga


A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, criticou o que define como a pretensión do alcalde, Iago Toba, de “esconder a súa “pésima” xestión económica á fronte do Concello detrás da subida do prezo da luz e da auga”.

A popular censurou que o executivo local decidise sacar adiante a aprobación dunha partida complementaria do Plan de Obras e Servizos (POS) para facer fronte ao custo destes servizos. “Estamos ante un novo truco dun trileiro como é o alcalde de Muxía que, en lugar de recoñecer a súa nefasta planificación escúsase na subida da luz e da auga”, afirmou Vilela, quen lembrou que Muxía non é o único Concello no que se incrementou o gasto por estes dous servizos.

Neste sentido, a portavoz dos populares lembrou que hai menos de dous meses o Goberno Local xa botou man de 150.000 euros das contas de todos os veciños para poder pagar os recibos da luz e do auga. “O que sucede en Muxía é unha auténtica barbaridade. Temos a un alcalde que nin goberna, nin xestiona e, o que é peor, as consecuencias de todo iso afectan os recursos da xente do concello que queda sen outros servizos que son máis que necesarios”, lamentou Vilela.

Falta de pagamentos e requirimentos da Xunta de Galicia

Desde o Partido Popular de Muxía aproveitaron tamén para subliñar que a caótica xestión económica provocou tamén que o Concello continúe sen pagar a Festa dos Maiores celebrada o pasado mes de maio. “No seu momento xa advertimos que o procedemento para a súa contratación era, polo menos, de dubidosa legalidade, o que provocou que non se poida facer fronte a este gasto”, explicou  Vilela, quen fixo fincapé tamén nos requirimentos que a Xunta de Galicia enviou ao Concello de Muxía por incumprimento do período de pago a provedores.

“Estamos a falar dun asunto moi serio, tendo en conta que, de non arranxalo, os veciños de Muxía pódense quedar sen as partidas que lles corresponde dos Orzamentos Xerais do Estado e sen as subvencións que outorga o Goberno Autonómico”, concluíu Vilela.