O PP de Muxía censura a actitude do rexedor con Protección Civil durante unha entrega de premios

Protección Civil de Muxía en A Estrada_Facebook AVPC MUXÍA

  • Os populares sinalan que existe un «abandono institucional» con estes traballadores

O Partido Popular de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, censurou esta semana o «abandono institucional» que, segundo eles, sufriron os membros de Protección Civil do municipio durante a entrega de distintivos concedidos ó seu labor durante a pandemia. Un evento que se celebrou en A Estrada e ao que non asistiron ningún dos membros do goberno local. «É unha pena que o señor Toba non fose capaz de atopar un oco na súa axenda para acompañar nun acto desta importancia a persoas que o deron todo e que chegaron a poñer a súa vida en perigo polos veciños de Muxía durante a pandemia», subliñou Vilela.

Os populares tamén lamentan que o Executivo local aínda non conseguira organizar unha homenaxe, que xa fora aprobada no seu día, para estes voluntarios así como axentes da Policía Local e demais operarios municipais.