O PP de Muxía denuncia as deficiencias nas obras do Xulgado de Paz

Ayuntamiento de Muxía

  • Os populares sinalan que o goberno local procederá a uns novos cambios despois de que o xuíz de paz comunicase o problema no Xulgado de Corcubión

O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, denuncia as deficiencias que se están a producir en varias das obras que se están levando a cabo no municipio e que, segundo Vilela, están sendo ignoradas polo goberno local.

Un exemplo desas deficiencias é o novo local destinado para o Xulgado de Paz, cuxo xuíz foi atacado polo rexedor, Iago Toba, nas súas redes sociais, acusado de “obstaculizar o cambio de ubicación do xulgado”, sinalan os populares, “cando o único que se estaba esixindo era un espazo acorde ás necesidades deste organismo”.

Vilela refírese con estas palabras aos cambios producidos no local despois de que o xuíz de paz sinalara que non estaba de acordo co proxecto debido a que a nova ubicación sería máis pequena ca anterior. “Isto el (o alcalde) sínteo como un ataque, coma todas as críticas que lle chegan”, di a portavoz, o que obrigou ao xuíz de paz a dar aviso da situación ante o Xulgado de Corcubión, e que “representantes da xustiza visiten o novo espazo, coincidindo coa decisión do alcalde de facer un novo cambio”.

“Ese cambio supón un coste económico para todos xa que houbo que tirar un tabique que xa estaba levantado para facer outro dándolle así máis espazo, pero o peor é que se intente desprestixiar á figura do xuíz de paz cunha actitude totalmente dictatorial que xa empeza a ser coñecida por todos neste concello” remata a portavoz local.

Outros exemplos desas deficiencias son as obras realizadas nos camiños interiores de Fumiñeo e Touriñán xa que, segundo os populares, coas tormentas quedou patente que “a auga non está canalizada como debería”. Vilela destaca que os veciños, que tamén alertaran dos problemas destas actuacións, “levan semanas agardandoa visita do alcalde para ver a problemática tal e como lles prometeu”.

En Moreira semella que o problema é máis de organización, pois a portavoz do PP en Muxía sinala que os veciños levan “case un mes sen poder mover os seus coches dos garaxes e o bus escolar non pode acudir ao seu sitio” debido a unha pequena reforma nos camiños interiores.