A candidata á alcaldía do Partido Popular de Muxía para as eleccións municipais do próximo mes de maio, Sandra Vilela, lamenta que a obra da depuradora de Trasufre permaneza parada despois de máis de dous anos. A obra forma parte do proxecto do POS provincial de 2019 e foi adxudicada en decembro do ano 2020. Desta obra executouse só unha parte da mesma que consistiu na instalación de tubos mais despois quedou paralizada debido a unha problemática co emprazamento da depuradora
A obra da depuradora de Trasufre adxudicouse, tal e como pode comprobarse na plataforma de contratación do estado, por un importe de 81.965,37€ e a día de hoxe só existen executados 39582,11€ correspondentes a esa parte de tubería.
“A obra da depuradora de Trasufre é un exemplo caro da falla de resolución que ten este goberno. Temos unha obra de saneamento, un servizo fundamental, parada ante a incapacidade do goberno de resolver cousa algunha neste concello e quen o pagan son os veciños” comenta a portavoz municipal que engade “son recursos para este concello que se acabarán perdendo e unha promesa incumprida cos veciños máis”
Dado que o financiamento se produce a través do POS provincial, o PP local pediu ao seu portavoz nesta institución, Evaristo Ben, que preguntase no pleno sobre esta obra mais o presidente da mesma Valentín Formoso tampouco contestou á pregunta plantexada polos populares.