O PP de Muxía levará ao pleno unha moción para dotar de servizos ás praias e zonas fluviais

1 minutes read
  • A portavoz popular, Sandra Vilela, manifesta que ademais de determinadas carencias, hai un grave problema de mantemento

O Grupo Municipal do Partido Popular de Muxía levará ao próximo pleno unha moción na que propoñen un plan de dotación de servizos e recuperación de infraestruturas para os areais e zonas fluviais do concello.

Actualmente, comenta a portavoz do PP, Sandra Vilela, “notamos en falta unha serie de servizos en moitas das nosas praias e vemos ademais que varias das infraestruturas que nos rodean en canto a paseos e zonas fluviais non están nas condicións óptimas que deberían. Non só temos moitas carencias senón que amén existe un problema de mantemento grave como é o caso do Paseo Fluvial de Río Negro que está nun estado lamentable”

Vilela tamén recalcou que para ser líderes no sector turístico, hai que poñer todos os medios cos que contan as adminitracións, e engadiu que “nesta moción pedimos actuacións moi básicas e de urxencia, xa non entramos a valorar temas como a carencia de socorristas que xa denunciamos na lexislatura pasada pero que se ignorou como todo o que ven da man do PP.”

As medidas concretas que se solicitan na moción presentada polo PP de Muxía:

  1. Dotación de papeleiras ó longo das praias principais do concello de Muxía.
  2. Creación dun punto de atención turística na praia de Nemiña, por ser unha das máis visitadas, onde se poda obter información turística sobre o propio areal pero tamén sobre todo o que visitar no resto do concello.
  3. Incorporación de baños públicos en todas as praias.
  4. Arranxo dos baños públicos da Praia de Espiñeirido que se atopan totalmente abandonados.
  5. Reparación do paseo fluvial de Río Negro e dotación de papeleiras coas que actualmente non conta.
  6. Arranxo das varandas e da zona fluvial das “Caldeiras do Castro”.