O PP de Muxía pide máis transparencia nos procesos de selección do Concello


  • O Partido Popular presentou no rexistro un escrito por mor da polémica xurdida no proceso de selección do persoal das cuadrillas de praias

O Grupo Municipal do Partido Popular de Muxía solicita unha maior transparencia nos procesos de selección levados a cabo polo Concello de Muxía.

A súa preocupación nace a raíz do proceso de selección do persoal das cuadrillas de praias no que tras unha renuncia foi seleccionado quen aparecía como número 3 na listaxe de suplentes sendo este, ademais, familiar directo do actual alcalde.

“A secretaria comentoume que os suplentes non tiñan unha orde concreta senón que fixo un sorteo de onde sae esta persoa seleccionada”, dixo a portavoz do PP, Sandra Vilela.

O que solicitan desde o Partido Popular de Muxía, apelando á importancia da transparencia en todos os procesos de contratación, selección ou licitación que debe existir desde os organismos públicos, e para evitar que se produzan sospeitas, “que seguramente serán infundadas” acerca destes procesos, é que, cando volva darse unha situación na que se decida un emprego por sorteo, este se faga de forma pública para que, tanto implicados como interesados, poidan asistir ao mesmo.