O PP de Muxía reclámalle ao Goberno local que acondicione o ‘Camiño dos Faros’

1 minutes read
  • Desde a oposición lamentan que sexan os propios empresarios do sector turístico os que soliciten estas intervencións

O grupo municipal do Partido Popular en Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, presentou un escrito no Concello solicitándolle ao Goberno local a limpeza e acondicionamento do ‘Camiño dos Faros’ ao seu paso pola localidade.

Segundo os populares, a ruta «está practicamente intransitable en moitos tramos, sendo unha actividade fundamental para o sector turístico do noso concello». De feito, Vilela engade que se lles prometeu (ao sector) «que a ruta se limparía a principios deste mes segundo nos comentaron algúns hostaleiros e, sen embargo, co mes acabado non existe ningunha actuación para mantelo en condicións».

Desde a oposición lamentan que «este tipo de peticións teñan que ser requeridas polos empresarios» e lembraron que durante o pasado ano desde o Concello se anunciou «que se tería a unha persoa solo para o mantemento deste trazado pero, unha vez máis, quedouse en nada».