O PP de Muxía tacha de “pouco ambiciosos” e insatisfactorios os orzamentos municipais aprobados polo executivo local

1 minutes read
  • Os populares botan en falta actuacións para mellorar o suministro de auga, a concentración parcelaria, e un plan para dinamizar o sector turístico

O Partido Popular de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, tachou de “pouco ambiciosos” os orzamentos municipais aprobados polo executivo local e criticou que as contas non se adapten ás necesidades locais.

Os populares cargaron contra un documento que non recolle medidas específicas para facer fronte ó Covid-19, tanto no eido produtivo como no social. “Dende o PP fixéronse distintas propostas de axuda a Pemes e autónomos que foron rexeitadas polo goberno, e agora atopámonos con que o executivo local non ten unha alternativa a ditas propostas e que os orzamentos non recollen nin unha soa medida centrada en facer fronte á crise do covid-19”, afirmou a portavoz.

Neste sentido, dende o Partido Popular de Muxía botan en falta un plan específico de dinamización e promoción turística, sector, dixo Vilela, fundamental para a economía local durante os meses de verán.

Ademáis, a popular recordou que as contas municipais deixan fóra, unha vez máis, inversións estratéxicas como a mellora no suministro de auga do núcleo de Muxía, de Suxo, de Castelo ou a mellora na estrada de Leis a Lago. “Son actuacións demandadas desde hai moito tempo, ás que hai que sumar o estado xeral de abandono no que se atopa o municipio, especialmente, as pistas de monte e a concentración parcelaria, o que supón un grave problema para o sector agrícola e gandeiro”, apuntou.

Por último, Vilela referiuse tamén ao remanente municipal, do que, asegurou, o goberno local xa gastou un dos tres millóns dos que dispón sen que os veciños de Muxía visen satisfeitas as súas necesidades.