O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ponteceso, a través do seu portavoz, Daniel García Cotelo, adiantou este sábado que a súa formación irá ata o final á hora de depurar responsabilidades pola crise da auga que provocou durante os últimos días a intoxicación de máis de corenta persoas no concello.
Despois de que o pasado venres as análises da Xunta de Galicia confirmasen que a auga xa era apta para o consumo humano, e tras demandar o pasado xoves a celebración dun pleno extraordinario para coñecer os motivos que causaron que a auga non cumprise cos parámetros de salubridade, os populares foron un paso máis aló ao adiantar que estudan a posibilidade de iniciar accións legais contra o responsable ou responsables do problema. “O primeiro que pedimos era que se solucionase o problema que era o máis importante e o máis urxente para os veciños. Logrado este primeiro paso, agora queremos coñecer con detalle que fallou para que se dese esta situación e, posteriormente, pedir responsabilidades a quen a teña”, asegurou García Cotelo.
Para iso, o portavoz popular, indicou que será “fundamental” a celebración do pleno extraordinario demandado pola súa formación e en que, na súa opinión, o alcalde, Lois García Carballido, deberá dar a cara ante a oposición. “Aquí non valerán escusas como as que deu o outro día. Aquí vamos a pedirlle, porque así o demandan os veciños, que diga a verdade sobre toda esta crise e que deixe de esconderse”, dixo García Cotelo. Ademais, desde o PP de Ponteceso estudan tamén a posiblidade de poñer sobre a mesa un plan de actuación que permita levar a cabo un recoñecemento de todo o estado actual das tubaxes e das conexións de traída da auga para que nun futuro non se repita un caso como este.