O PP e APIN de Ponteceso esíxenlle explicacións ao alcalde sobre a crise da auga

2 minutes read
  • Desde o Partido Popular manifestan que os veciños queren saber que sucedeu.

Este mércores, os grupos municipais do Partido Popular e de APIN no Concello de Ponteceso presentaron no rexistro local e de maneira conxunta un documento no que solicitan a celebración dun pleno extraordinario sobre a crise da auga, causante dun brote de gastroenterite que xa afectou a máis dun trintena de persoas durante a última semana.

Despois de que o alcalde, Lois García Carballido, se negase a contestar as preguntas formuladas polo Partido Popular na sesión plenaria levada a cabo o pasado luns sobre se o rexedor coñecía ou non a existencia de máis problemas que tivesen que ver coa calidade a auga nos dous últimos anos, e tras a súa negativa para enumerar as actuacións realizadas para o bo mantemento da traída, o portavoz popular, Daniel García Cotelo, entende “necesaria” a celebración “urxente” do pleno extraordinario.

“Non podemos consentir que o señor García Carballido siga dando a calada por resposta. Os veciños queren saber que sucedeu e por que sucedeu para poder pedir reclamacións e responsabilidades a quen teñan que pedirllas”, afirmou o popular.

Neste sentido, García Cotelo apuntou que, ao longo dos últimos días, fóronse coñecendo noticias sobre as posibles causas do brote de gastroenterite que afectou aos veciños. “O último que soubemos hoxe é que o problema podería deberse a que a auga da traída estaba enganchada ao tanque de tormentas das residuais. De ser así estariamos ante unha neglixencia moi grave por parte do alcalde como máximo responsable deste servizo”, dixo o popular.

Ante esta falta de información por parte do goberno local, desde o Partido Popular adiantan que aproveitarán o pleno extraordinario para despexar todas as dúbidas e coñecer as causas do problema para tratar de que non se volva a repetir.