- O Partido Popular considera que o futuro para Ponteceso pasa polo cesamento de Lois García Carballido como rexedor
Para o Partido Popular de Ponteceso, a día de hoxe, non hai futuro posible para o municipio que non pase polo cesamento do seu alcalde, Lois García Carballido. “É a única forma de que deixe de facer dano ao noso concello unha persoa que nin sequera soubo aguantar unha ampla maioría absoluta que podería ser ata beneficiosa para a nosa situación económica”, explica o portavoz popular, Daniel García Cotelo.
En canto á perda do POS+ (Plan de Obras e Servizos da Deputación), que non se puido materializar por expirar o prazo de presentación de proxectos por parte do Concello, os populares destacan que «aínda que Carballido tentou culpar á oposición, o certo é que el é o único responsable de que perdamos 750.000 euros moi necesarios para o pobo”.
Que pasou co POS+?
Ao Concello de Ponteceso correspóndenlle este ano 750.000 euros do POS da Deputación. De forma habitual, a inclusión de actuacións neste plan adoita acordarse cos grupos da corporación, tratarse posteriormente en comisión e, finalmente, aprobarse por unanimidade en pleno.
Con todo, desde o Partido Popular sinalan que isto non foi o que aconteceu en Ponteceso, pois o alcalde decidiu “unilateralmente” destinar os fondos a gastos xerais e nunca obtivo o apoio da coporación. “Reunímonos dúas únicas veces en comisión informativa, sen falar nada previamente: na primeira rexeitamos que destinase o diñeiro a gastos xerais e na segunda presentou unha proposta precisamente nese sentido”, conta Daniel García, quen engade que posteriormente o socialista reuniuse con representantes de asociacións de veciños para prometerlles que, en cada unha das súas parroquias, se invertirían 52.000 euros do POS en obras.
Neste último asunto o portavoz popular é moi claro e destaca que o plan que Lois García Carballido quixo aprobar destinaba practicamente o total do POS a gastos xerais e a pago a provedores. “Esas obras que prometeu aos veciños son papel mollado, pois incluíaos con cargo a un futuro POS complementario”, explica García.