- A oposición asegura que a solicitude do pleno extraordinario cumpre todos os requisitos fixados pola lei
O Partido Popular de Ponteceso presentou, xunto ao resto dos edís da oposición municipal, un recurso de reposición contra a decisión do alcalde, Lois García Carballido, de non convocar un pleno extraordinario «solicitado en tempo e forma pola maioría da corporación, detallando claramente os asuntos a tratar», afirma o voceiro popular, Daniel García Cotelo.
Entre eses temas incluíase a situación do Servizo de Axuda no Fogar tras máis dun ano sen contrato en vigor, a toma en consideración da rebaixa do IBI, a posta en marcha dunha auditoría externa para examinar as contas municipais, a cesión de espazos de traballo aos concelleiros da oposición ou o análise do estado, actividade e funcionamento de Protección Civil da localidade.
Segundo sinalan os populares, estas cuestións non se debaterán na sesión plenaria xa que o rexedor «considera que non é o lugar adecuado para facelo». «Onde entón hai que falar das cuestións que preocupan aos veciños», pregúntase Cotelo, que tamén denuncia que o alcalde «definitivamente «eliminou a democracia» e a participación neste concello, a pesar de que goberna co apoio de só dous membros dunha corporación de 13 persoas».
Ante a negativa «absurda e inexplicable» por parte do socialista Lois García Carballido, todos os edís da oposición presentaron ante rexistro un recurso que agardan sexa escoitado. “Non podemos seguir así, e de novo pedimos a intervención do PSOE provincial e mesmo galego. Eles deben solucionar o problema que eles mesmos crearon», apuntou o voceiro popular. Cotelo sinala que «xa perdemos o POS deste ano, imos perder tamén o do ano que vén».