O PP de Vimianzo inicia unha nova etapa | Raquel Rodríguez non será candidata á alcaldía


O secretario xeral do Partido Popular na provincia da Coruña, Evaristo Ben, confirmou que Raquel Rodríguez non será a candidata da súa formación á alcaldía de Vimianzo en las eleccións municipais do próximo mes de maio. Rodríguez, que liderou a lista popular nas últimas citas coas urnas locais, xa manifestara hai varios meses á dirección do partido a súa intención de non concorrer por segunda vez aos comicios municipais.

Nunha reunión mantida con integrantes das formación do PP de Vimianzo, e acompañado polo vicesecretario territorial da zona, José Manuel López, Ben aproveitou a cita para agradecer a Rodríguez e a todo o seu equipo o “traballo e o firme compromiso” mostrado durante os últimos anos á fronte da formación local.

“Hai tempo que sabemos a decisión de Raquel de dar un paso á beira, abandonar a primeira liña da política local e, desde entón, puxémonos ao choio para construír un novo proxecto aquí en Vimianzo”, apuntou Ben, quen afirmou que o traballo realizado por Rodríguez e toda a súa xente non tivo os resultados que se merecía, entre outras cousas, pola situación política, dixo, que no ano 2019 vivía o Partido Popular en clave nacional.

Confirmada a non continuidade de Raquel Rodríguez, o secretario xeral avanzou que a dirección provincial comunicará nas próximas semanas o nome da persoa encargada de liderar un proxecto que, segundo Ben, volverá ilusionar aos veciños que nas eleccións xerais e autonómicas elixen maioritariamente a papeleta do Partido Popular en Vimianzo.