O PP de Zas critica ao Goberno local por destinar máis de 41.000 euros a dúas dedicacións exclusivas

1 minutes read
  • Desde o partido consideran que eses cartos poderían destinarse a numerosas axudas para autónomos e empresas locais

O Partido Popular de Zas, a través do seu portavoz, David Gómez, aproveitou o pleno extraordinario celebrado este venres para criticar que o Goberno local aprobe unha nova partida orzamentaria para a creación de dúas novas dedicacións parciais, de 25.122 e 16.755 euros, nun momento económico e sanitario “extremadamente complicado” por culpa dos efectos da pandemia provocada polo Covid-19.

O portavoz popular sinalou que esta iniciativa apoiada polo executivo municipal é unha demostración máis «do afastado» que está o alcalde, Manuel Muíño, da realidade que viven na actualidade os veciños do Concello de Zas. “Ocórrensenos infinidade de axudas para autónomos, empresas e hostaleiros que se poderían pagar con estes máis de 41.000 euros que o rexedor destinará para pagar o seu equipo de goberno”, lamentou Gómez.

Nesta liña, o popular subliñou que Muíño percibe máis de 42.000 euros como rexedor e lembrou que, desde o mes de maio e tras a renuncia do tenente alcalde á súa dedicación exclusiva, o executivo municipal funcionou sen a necesidade de aprobar ningún tipo de nova asignación económica. “Si chegamos ata aquí sen ter que botar man deste gasto, non entendemos os motivos que provocan agora, nun momento de emerxencia económica e sanitaria, esta decisión”, denunciou Gómez.