O PP de Zas esixe unha taxa bonificada no uso do tanatorio para toda a veciñanza

1 minutes read
  • A ordenanza municipal exime aos zaseiros do pago da taxa pola utilización dos pavillóns polideportivos cubertos

O Partido Popular no Concello de Zas, a través do seu portavoz, David Gómez, esíxelle ao goberno local que os veciños do municipio poidan beneficiarse dunha taxa bonificada á hora de contratar os servizos que ofrece o novo tanatorio municipal.

En concreto, os populares demandan unha redución mínima de 118 euros sobre unha taxa establecida de 350 euros. “Levamos a nosa proposta ao último pleno e atopámonos, sorprendentemente, coa negativa dun executivo local que se xustifica dicindo que a lei non permite facer esta bonificación”, subliñou o portavoz dos populares.

Gómez recordou que a ordenanza municipal do Concello de Zas, que regula a taxa das instalacións deportivas municipais, indica no seu artigo 5 que están exentos do pago da taxa pola utilización dos pavillóns polideportivos cubertos os veciños do municipio, as persoas xurídicas, entidades, organismos, asociacións, federacións e clubs con sede no termo municipal.

“Non entendemos moi ben a postura do alcalde. Queremos pensar que a súa negativa é produto do descoñecemento da norma, sería moi grave, pola contra, que a decisión fora por un simple capricho que prexudicaría de maneira directa a todos os veciños”, subliñou Gómez.