- Os non adscritos consideran que se produciu unha «chantaxe» mentres que os populares afirman que só votaron o POS para non prexudicar á veciñanza
A aprobación en Ponteceso do Plan de Obras e Servizos da Deputación para este ano serviu para que na localidade se poidan acometer importantes melloras pero tamén para que a oposición cargue de novo contra o alcalde socialista, Lois García Carballido, por recurrir á «chantaxe», segundo o grupo dos non adscritos.
«Non todo vale. Agora resulta que nós estamos en contra de que os veciños dispoñan os 400.000€ que se decidiron onte no pleno? Mentira», así de contundentes se mostran os excompañeiros de partido de Carballido, destacando que co único co que non estaban de acordo era con aprobar o POS «a calquera prezo, sen consensuar (porque con nós non se falou), sen chegar a acordos, con chantaxes e con ultimATO incluído».
O POS+2022 saíu adiante co voto de calidade do rexedor tras un empate a 6 (3 do PSOE, 2 de PP e 1 de APIN), dúas votacións e a expulsión inmediata do pleno do representante de APIN, José Manuel Pose Verdes, despois de ser chamado tres veces á orde polo alcalde. «O acontecido onte foi esperpéntico, todos vimos como o alcalde se encargou de votar fóra a un dos compoñentes do pleno porque non tiña asegurado o seu apoio e se o expulsaba xa lle daban as contas», sentencian os membros dos non adscritos ao mesmo tempo que afirman que non continuarán sendo cómplices dun «ditador».
O PP, impotente ante un «desgoberno total»
Por outra banda, a portavoz popular de Ponteceso, Marta Carrillo, confirmou este venres o seu «malestar, tristeza e impotencia» ante a situación de «desgoberno total» que vive a localidade e que provocou a aprobación do Plan de Obras e Servizos co voto de calidade do alcalde. «Que algo tan importante para o noso pobo, un investimento tan importante e tan necesario, teña que ser aprobado así demostra que o alcalde e as dúas concelleiras que o apoian non están capacitados nin lexitimados para seguir ao mando do noso concello», denunciou Carrillo.
Desde o PP insisten en que en ningún caso estaban de acordo coa proposta e o proceder do rexedor pero decidiron apoialo para evitar que Ponteceso perdese, como xa sucedeu o ano pasado, «uns investimentos que necesitamos moito», en referencia aos preto de 500.000 cos que contará agora a municipio.
Carrillo lembrou tamén todas as ocasións nas que o Partido Popular reclamou o consenso de todos os grupos para sacar adiante as actuacións a incluír no plan provincial, e lamentou que non se escoitaran as súas propostas nin que o alcalde non convocara aos grupos para falar das posibles obras a realizar.
«Nós propoñíamos o saneamento do Xuncal de Ponteceso con dúas saídas máis das pluviais ao río Anllóns, drenaxe de canles e á vez convertelo nun lugar que os veciños poderían desfrutar. O alcalde, en lugar diso, trae un parche amañando unha comporta xa existente», explicou a portavoz, que engadiu que «Carballido antepón a compra duns terreos que se inundarán igualmente en lugar de iniciar esta obra porque a realidade é que non lle importa ese problema».