O PP insiste na necesidade de máis medios para mellorar a seguridade na Costa da Morte

  • Os populares afirman que a Costa da Morte, en xeral, e Camariñas, en concreto, carecen dos servizos mínimos que se necesitan para garantir a seguridade dos veciños que viven nesta comarca.

Paula Mouzo, voceira do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Camariñas e deputada autonómica, insistiu este luns na necesidade de incrementar o número de efectivos da Policía Local e da Garda Civil na Costa da Morte para terminar, dixo, coa sensación de inseguridade que existe entre a veciñanza.

A popular lembrou que non é a primeira vez que a súa formación presenta unha petición deste tipo, tendo en conta que, xa hai máis dun ano, os populares de Camariñas levaron ao pleno unha moción –que recibiu os votos en contra do executivo local e do BNG- para impedir o desmantelamento da Garda Civil que, ao seu xuízo, o Goberno Central está a levar, principalmente, nas zonas rurais.

Nesta ocasión, puxo sobre a mesa os incidentes que se produciron no municipio durante as últimas semanas, nos que un mozo recibiu unha brutal malleira e un vehículo resultou calcinado debido a un lume provocado.

Nesta liña, explicou que a falta de efectivos da Policía Local e da Garda Civil xera que durante moito momentos do día e, sobre todo, da noite, unha zona rural como A Costa da Morte quede desprotexida fronte a delincuentes que “controlan, saben e coñecen con exactitude onde están os poucos efectivos que traballan nos nosos municipios”.

Ante esta situación, e tras as queixas polo incremento na sensación de inseguridade que sofren desde hai tempo, a voceira dos populares apuntou que seguirá reclamando máis efectivos.

Related posts

Unha muller tivo que ser evacuada en ambulancia tras tropezar nun buraco e caer na rúa Gran Vía de Carballo

Rebenta unha antiga balsa no Monte Neme e arrasa a estrada que une Leiloio con Razo

O alcalde de Laxe analiza coa Xunta a posta en valor dos recursos turísticos da vila