O PP lánzase a por as locais, as galegas e as xerais


A ‘carballeira’ de A Magdalena, no concello coruñés do Pino, volveu a ser este sábado escenario da tradicional Romaría Popular organizada polo PP da Coruña, tras dous anos interrompida pola pandemia. O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, deulle as grazas ao presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, “por poñer tantas veces a Galicia como referencia do que se pode chegar a facer en toda España”, evidenciando “os efectos da xestión, da serenidade e da unidade”.

Rueda dirixiuse aos representantes locais da provincia, a menos dun ano dos comicios, e sinalou que o PPdeG ten que facelo ben nas municipais por varios motivos: “primeiro, por Galicia; segundo, polos 93 concellos que esperan que se fagan as cousas ben; despois, pola quinta maioría absoluta nas autonómicas, que é posible e a imos conseguir; e por último, porque o presidente Feijóo se merece que a xente de toda España vexa que aquí ten a súa principal infantería, a xente que lle vai dar o triunfo”.

Feijóo agradeceu a “tantos amigos, compañeiros, afiliados e veciños” que se achegasen este sábado ao Pino. “Vimos aquí a falar de Galicia, o primeiro tema de conversación; a falar de España, porque Galicia é unha parte entrañable de España; e a falar dun partido que defende a Galicia e a España por diante de todo”, explicou, a modo de resumo dun discurso no que tamén coou algunha mensaxe de calado estatal con “o ‘sentidiño'” da política galega, que “sempre deu resultado”, salientou.