O PP larachés busca crear un novo depósito de cabeceira mediante un convenio con Augas de Galicia

Ayuntamiento de A Laracha

  • Na Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno tamén se proporá fixar o Martes de Entroido e o Día dos Milagres como os festivos locais de 2022

O progresivo aumento no número de habitantes que está a rexistrar o concello da Laracha e a característica dispersión da poboación no termo municipal levan consigo a necesidade de reforzar determinados servizos básicos para garantir a súa calidade. É por iso que o Concello pretende mellorar as infraestruturas de abastecemento existentes na actualidade co obxectivo de «aumentar a capacidade de almacenamento para poder ampliar a cobertura das redes e facer fronte ás demandas de auga que poidan xerarse, especialmente durante o verán, sen que afecte á presión da traída».

Con estes fins, o grupo de goberno elevará á próxima sesión plenaria, que se celebrará o venres que vén, a proposta de aprobación dun convenio con Augas de Galicia que implicaría a creación dun novo depósito de auga de cabeceira e unha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións. Este asunto será sometido previamente ao correspondente ditame da Comisión Informativa.

Ambos proxectos corresponden á primeira fase do plan de melloras da rede de abastecemento do Concello. O investimento previsto nese convenio sitúase en 1.850.000 euros, dos cales a achega municipal sería de 370.000 euros, financiando Augas de Galicia os 1.480.000 euros restantes. As obras executaríanse entre os anos 2021 e 2022.

En virtude do acordo, o Concello comprometeríase, tamén, a poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para a execución dos proxectos.

Festivos locais
Outra das cuestións que se tratarán na Comisión Informativa de Asuntos Xerais antes de elevala ao Pleno do venres será a fixación dos festivos locais para o ano 2022. O grupo de goberno proporá, como é habitual, que sexan o Martes de Entroido (1 de marzo) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).