O Partido Popular de Ponteceso, xunto aos concelleiros non adscritos, volverán a acudir á xustiza para denunciar a actitude do alcalde Lois García Carballido, segundo afirman, ao negar aos edís da oposición a convocatoria dun pleno extraordinario para debater asuntos fundamentais para o municipio.
O encontro plenario foi solicitado polos edís do PP e os non adscritos, con diversos puntos a tratar entre os que destacan a contratación dunha auditoría externa para coñecer a situación económica do concello e, sobre todo, saber “dunha vez por todas” as facturas pendentes de pago a provedores.
“A nosa intención está clara, queremos que se pague o que se debe e que se faga polo orde lóxico de antigüidade e non polo que decida o alcalde”, explicou o voceiro popular, que lamenta ter que acudir de novo á xustiza pero que, explica, “cando a democracia e a normal correcta actividade municipal teñen desaparecido de Ponteceso, non nos queda outro remedio”.
Ademais da auditoría externa, os concelleiros da oposición tamén reclamaban a convocatoria do pleno extraordinario para a regulación do Servizo de Axuda no Fogar, en precario dende hai máis dun ano, e para acordar a baixada do IBI para os veciños.
“Está claro que ao alcalde e ás dúas persoas que o apoian non lles interesa mellorar a vida dos seus veciños. Está claro que perderon, se algunha vez a tiveron, a vontade de servizo público. E está claro que só seguen aí polos seus intereses persoais”, denuncia García Cotelo, que adiantou que as denuncias ante o xulgado tamén serán elevadas ante a Valedora do Pobo para “conseguir algunha defensa ante o que está a pasar aquí”, concluíu.
