O PP pide á Deputación da Coruña que reflexione sobre as bases do programa ‘Merca na Vila’

2 minutes read

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña reclamou no último pleno a necesidade de “reflexionar” sobre as bases e as condicións do programa ‘Merca na Vila’ posto en marcha polo Goberno provincial, e que ten como obxectivo impulsar o pequeno comercio e a economía das vilas de menos de 20.000 habitantes

“Non estamos en contra desta iniciativa, pero si nos chama a atención que a información e a posibilidade de descargar o bono dun programa destinado a promover as compras en municipios de menos de 20.000 habitantes chegue a veciños de toda a provincia”, apuntou o voceiro popular Evaristo Ben.

Neste sentido, desde o grupo do Partido Popular aseguran que se pode dar a “paradoxa” de que os veciños que viven en lugares de máis de 20.000 habitantes poden comprar en comercios de municipios de menos de 20.000 habitantes, pero os comercios de lugares máis de 20.000 habitantes non poden sumarse a esta iniciativa.

“Entenderiamos o programa se o circunscribimos a municipios de menos de 20.000 habitantes, que é onde debe centrar os seus esforzos a Deputación. Agora, se abrimmos a posibilidade de que todos os cidadáns da provincia poidan acollerse a este bono, non entendemos por que non se poden beneficiar os pequenos comercios de municipios de máis de 20.000 habitantes”, apuntou Ben.

Para explicar mellor o problema, o voceiro popular puxo como exemplo que un veciño de Carballo pode ir a Coristanco a comprar, pero un pequeno comercio da periferia de Carballo, con dificultades económicas, non pode acollerse a esta iniciativa.

“Cremos que esta situación que se produce merece unha reflexión por parte de todos para buscar unha solución. Se é por unha cuestión económica, soluciónase de maneira sinxela dotando o programa con máis fondos”, afirmou Ben, quen defendeu que os pequenos comercios en dificultades de lugares de máis de 20.000 non poden quedar excluídos deste programa.