- Os populares tamén reclaman medidas para pemes, autónomos e familias para paliar as consecuencias económicas da emerxencia sanitaria
O grupo provincial popular da Deputación da Coruña, a través da súa portavoz, Rosa Gallego, propón unha reunión urxente ao presidente da institución, Valentín González Formoso, para a implantación dun paquete de medidas económicas de estímulo para axudar aos 93 municipios da provincia para adoptar os pasos necesarios para a prevención do Covid-19.
Gallego asegurou que a “Deputación debe estar á beira dos municipios e dos veciños da nosa provincia, e proporcionar os medios necesarios para que poidan adoptar medidas que freen a propagación do virus entre a poboación”.
Estas axudas, explicou Gallego, permitirán sufragar calquera necesidade que, dentro da autonomía local, estimen necesarias os concellos da provincia para facer fronte a esta situación de excepcionalidade ocasionada pola pandemia e, entre elas, estaría a posta en marcha dun servizo de consulta telemática ou a través dunha liña telefónica habilitada para o efecto, para que durante as 24 horas do día se poida resolver calquera situación ou dúbida que puidese expor calquera alcalde da nosa provincia.
A portavoz tamén reclamou a aprobación dun paquete de medidas, que poderán ser complementarias coas que anuncie o Goberno central, dirixidas a pemes, autónomos e familias co que facer fronte ás consecuencias económicas provocadas polas medidas postas en marcha para evitar a propagación do coronavirus.