O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ponteceso, a través do seu portavoz, Daniel García Cotelo, esixiu este sábado a dimisión do rexedor, Lois García Carballido, ao entender que é o último responsable do brote de gastroenterite que afectou a unha trintena de persoas deste municipio e doutro veciño como Cabana durante a última semana. “Se tivese un mínimo de dignidade non estaría nin un segundo máis no seu cargo. Non se pode xogar desta maneira coa saúde das persoas, nin tratar de escorrer a súa responsabilidade nun asunto de tanta importancia”, afirmou García Cotelo, quen lembrou que as últimas analíticas encargadas pola Xunta de Galicia e realizadas polo Laboratorio Xeral de Saúde Pública de Galicia – acreditado por sistemas de certificación e calidade internacionais- confirman que, a día de hoxe, seguen existindo incumprimentos graves na auga da traida de Ponteceso.
“Os veciños de Ponteceso non se merecen un alcalde que minta. O pasado martes García Carballido aseguraba que a calidade da auga era boa e resulta que, a día de hoxe, segue sen ser apta para o consumo”, denunciou o popular, quen cualificou de “imperdoable” e “intolerable” que o rexedor “non fixese absolutamente nada” para solucionar un problema de índole municipal.
Responsabilidade municipal
Neste sentido, desde o Partido Popular de Ponteceso lembran que o mantemento da traída é competencia exclusiva do Concello, e reclaman ao goberno local que poña en marcha de forma urxente as accións necesarias para garantir a salubridade da auga que beben os veciños, xa que as análises confirman que se produciu a súa contaminación nalgún punto da rede. “Mentres a xente está na casa preocupada e pasándoo moi mal nalgúns casos, o alcalde segue de brazos cruzados, facendo o paripé coa repartición de auga embotellada, sacándose da manga analíticas que non son veraces e sen mover un dedo para solucionar un problema grave de saúde”, denunciou García Cotelo.
Ante esta situación, e unha semana despois de que se coñecesen os primeiros afectados, o portavoz popular asegura que o único que demostrou o alcalde é unha “incompetencia máis absoluta” que o “inhabilita para seguir no cargo”. “ Sanidade mostrouse desde o primeiro día disposta a colaborar en todo o que fose necesario, pero García Carballido preferiu poñer en perigo a saúde dos seus veciños”, lamentou o popular nun comunicado.