- Os populares sinalan que a perda do POS é a «culminación» dunha xestión municipal de «absoluto fracaso»
O vicesecretario xeral de Organización e Territorio do Partido Popular na provincia da Coruña, Evaristo Ben, volveu a cargar este martes duramente contra o alcalde socialista en Ponteceso, Lois García Carballido, despois de que non fose posible chegar a un acordo de cara á aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS).
“O señor García Carballido non pode seguir como alcalde nin un minuto máis. Os veciños de Ponteceso están a padecer as consecuencias dun bochorno sen precedentes que inhabilita ao rexedor para seguir no seu cargo”, afirmou Ben.
Neste sentido, o popular lembrou que a perda dos fondos provinciais é a “culminación” dunha xestión municipal de «absoluto fracaso». Desde o PP da Provincia da Coruña insisten en que a pesar de que o actual rexedor «conte co respaldo legal que lle deron as urnas no seu día, a crise interna e o divorcio que existe no seu grupo, onde quedou en clara minoría, desacredítano para seguir á fronte do Concello de Ponteceso”.
Ante esta situación, Evaristo Ben esixiu ao secretario provincial do PSOE, Valentín González Formoso, que tome cartas no asunto e faga dimitir a un alcalde que provocou que os veciños de Ponteceso sufran as consecuencias dunha persoa que “non dialoga, non negocia, espera ao último día para presentar o POS e trata de chantaxear ao resto da oposición sen importar o que esa postura provoque no municipio”.
Ademais, Ben suxeriulle a González Formoso que «deixe a un lado as manobras que está a levar a cabo no seu obxectivo de derrocar ao señor Caballero á fronte do PSdeG, e que se centre en solucionar os problemas que a súa formación ten repartidos en diferentes puntos da provincia como Ponteceso, Ortigueira ou Muxía”.