Este 15 de xuño Carlos Calvelo volveu recoller o bastón de mando que acredita a súa elección como alcalde de Arteixo cunha ampla maioría absoluta do PP, 12 dos 21 edís da corporación (Ainda que no cartel de Calvelo apenas se distinguía o mini logo do partido). Arteixo, con 31.917 habitantes, é tamén dende este sábado o concello galego de maior poboación cunha alcaldía do PPdeG.
O concello arteixán recolle esta condición de Ourense, ata agora a única cidade galega gobernada polo PP e que este sábado foi entregada por orde de José Manuel Baltar á Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome. A cambio -se Jácome cumpre- sálvarse el mesmo na Deputación. Polo camiño ficou politicamente sacrificado o ata agora rexedor, o ex-conselleiro Jesús Vázquez. E tamén a reiteradísima doutrina da «lista máis votada», bandeira política dun Feijóo que en campaña sinalou a posibilidade de que Jácome erguese o bastón de mando como «letal».
As sesións de constitución das novas corporacións ratificaron o PSdeG como o principal vencedor do 26M na Galicia urbana no que a consecución de poder se refire. Tras un mandato municipal no que os de Feijóo centraran boa parte dos seus esforzos en erosionar os gobernos das mareas e dos socialistas, o PSdeG ascendeu a costa destas formacións e ademais gobernará con máis comodidade onde xa o facía.

