- O BNG presentara varias enmendas relativas a proxectos ‘históricos’ na Costa da Morte
O deputado nacionalista, Daniel Pérez, destacou o ‘compromiso’ do Partido Popular coa Costa da Morte en xeral, e a comarca de Bergantiños en particular, ao rexeitar todos os investimentos propostos polo BNG nesta área. «Agás sorpresa maiúscula, o martes próximo ratificarase no pleno orzamentario do Parlamento a negativa do PP a incluír nas contas do 2022 partidas orzamentarias destinadas a acometer obras que, por unha banda son demandas históricas da Costa da morte e Bergantiños, e por outra,
constitúen actuacións imprescindíbeis e urxentes», afirmou o nacionalista.
Entre eses proxectos atópanse a creación dunha nova unidade xudicial para Carballo; a ampliación do dique e a mellora da seguridade no porto de Malpica; obras de variantes e circunvalacións para mellorar a seguridade viaria e o tráfico en Carballo, A Laracha e Paiosaco; a dotación dun centro de día en Laxe, Cee e Corcubión; proxecto de autocaravanas en Laxe; a posta en valor do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil; a promoción de Buño como vila oleira; acceso ao porto de Brens (Cee); novos centros de saúde en Fisterra, Cee e Baíñas (Vimianzo); mellora de abastecemento e saneamento no rural Camariñas, Vimianzo e Lariño (Carnota); execución dun porto deportivo en Fisterra e dun mixto deportivo en Corcubión; dotación material e persoal no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee; un plan de prevención de lumes na Costa da Morte ou a continuidade da súa autovía entre outros plans.