- O BNG sinala que a iniciativa que defendeu no Parlamento está avalada polo TSXG
Carballo non terá un cuarto xulgado despois de que o PP o rechazase durante a comisión primeira de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia. O BNG emitiu un comunicado no que critica o rexeitamento popular á iniciativa defendida por Iago Tabarés, portavoz nacionalista de Xustiza, na que se instaba á Xunta a realizar as xestións oportunas para dotar de novos xulgados mixtos os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo, así como a manifestar a súa oposición a calquera modificación normativa ou decisión gobernamental que poida implicar a supresión ou redución das competencias dos partidos xudiciais existentes.
O BNG argumenta que «desde o ano 2010 só se crearon xulgados nas grandes cidades, o que claramente obedece a unha estratexia dirixida á concentración da actividade xudicial no ámbito urbano, mentres se desatenden as vilas e cidades medias coma a nosa». A formación tamén sinala que a necesidade deste cuarto xulgado en Carballo está avalada polo pleno da sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa o ano pasado propuxo a creación dunha nova unidade xudicial no municipio bergantiñán ao considerar que respondía a «necesidades mínimas e esenciais».
A formación nacionalista asegura que en Carballo «o nivel de conxestión dos nosos xulgados seguirá aumentando» despois de que a Xunta non asumise a proposta realizada polo máximo órgano de goberno da xudicatura en Galicia nin polo BNG. «Os veciños e veciñas do partido xudicial de Bergantiños son vítimas, unha vez máis, do desapego do Partido Popular pola nosa comarca: na sanidade, nas infraestruturas, na promoción dos sectores primarios… E agora tamén na xustiza», lamentou o deputado Daniel Pérez.