O PP rexeita unha proposta do BNG para manter abertas as oficinas bancarias de Zas, Baíñas e Malpica

Daniel Pérez_BNG

  • Os nacionalistas afirman que a eliminación de oficinas bancarias vai en consonancia cos continuos recortes en servizos sanitarios e educación no rural

O deputado do BNG, Daniel Pérez, lamentou que, unha vez máis, o Partido Popular rexeitara a proposta dos nacionalistas para manter abertas as oficinas bancarias nas localidade de Zas, Baíñas (Vimianzo), Malpica e Bergantiños que «supoñen un novo golpe para o rural». Os populares argumentan que o peche das sucursais se está producindo en toda España pero para o deputado nacionalista esta situación «non implica que en Galiza, polas súas circunstancias, provoque maiores dificultades».

Daniel Pérez reiterou que os veciños e veciñas das localidades rurais están «sen servizos básicos e sen a atención bancaria que merecen e vostedes (PP) deben ter moi mala conciencia cada vez que nomeamos Abanca porque saben que a venda foi un auténtico pelotazo recuperando o investido na compra ao ano seguinte»

Desde o BNG tamén critican a subvención a caixeiros automáticos naquelas zonas onde non existen, orde que cualifican de lei «tramposa» porque representa «unha ponte de prata» para xustificar o peche de oficinas por parte das entidades bancarias. Abanca recibiu unha subvención de 3 millones de euros e, a xuízo do deputado, o «Partido Popular incumpre as recomendacións europeas no relativo ao dereito da cidadanía a acceder a servizos bancarios en condicións equivalentes».

Na súa intervención o deputado tampouco escatimou en críticas ás políticas e recortes dos populares vinculadas aos servizos básicos no medio rural entre os que destacou o «peche e redución dos servizos sanitarios e o agrupamento das crianzas de diferentes idades cos conseguintes problemas docentes».