O PP rexistra unha moción para abordar a ‘preocupante’ situación da seguridade viaria en Carballo

  • Os populares afirman que hai orzamento, pero conclúen en que o problema é a falta de vontade política.

A iniciativa do PP chega nun contexto no que afirma que se teñen producido varios atropelos en pasos de peóns, especialmente en vías principais como a rúa Perú, os accesos ao Centro Comercial Bergantiños ou, nos últimos anos, a recta de Rus, onde diversos medios falaron dunha auténtica “cascada de atropelos”. A cidadanía leva tempo alertando da falta de visibilidade, da ausencia de mantemento e da inseguridade crecente nos cruces máis transitados.

Segundo o portavoz do grupo, Rubén Lorenzo, “Carballo non pode seguir normalizando que os pasos de peóns estean sen pintar, que haxa semáforos apagados durante meses ou que existan rúas sen beirarrúas por onde camiñan cada día nenos, maiores e familias enteiras. A seguridade viaria non é un luxo: é unha obriga básica de calquera goberno municipal”.

Pasos de peóns sen pintar

O Partido Popular alerta de que as liquidacións orzamentarias dos últimos anos revelan un problema aínda máis grave: o Concello leva dous exercicios consecutivos sen executar nin a metade da partida destinada á pintura de pasos de peóns e á sinalización horizontal.

Isto significa que, malia existir cartos asignados, a maior parte do traballo non se fixo, deixando pasos de peóns esvaídos, cruces sen visibilidade e puntos negros sen atender. E co mal funcionamento dos sistemas luminosos existentes nalgúns dos pasos de peóns.

Ademais, o PP lembra que no último ano non se executou nin un só euro da partida destinada a investimentos en sinalización vial, un retroceso evidente respecto ao ano anterior, no que si houbo actuacións.

“É imposible mellorar a seguridade viaria se o Concello deixa sen usar a maior parte dos fondos dispoñibles. Non é un problema de recursos: é un problema de xestión e de prioridades”, subliña Lorenzo.

Un plan realista e executable en 6–12 meses

A moción propón un paquete de medidas concretas, asumibles e perfectamente financiables, entre elas:

  • Plan Urxente de Repintado de Pasos de Peóns, priorizando contornos escolares, instalacións deportivas e cruces de alta intensidade.
  • Auditoría técnica completa da rede semafórica, para detectar fallos, modernizar equipos e garantir o seu funcionamento continuo.
  • Sistema permanente de mantemento preventivo de pasos de peóns, semáforos, sinalización e iluminación.
  • Melloras na iluminación viaria do casco urbano, especialmente en zonas onde a falta de luz compromete a seguridade.
  • Ampliación e creación de beirarrúas en rúas que actualmente carecen delas.
  • Reorientación da política de mobilidade, paralizando carrís bici inconexos ata garantir primeiro a seguridade viaria básica.
Hai orzamento: o problema é a falta de vontade política

O proxecto de orzamentos 2026, xa aprobado, inclúe:

  • 127.500 € en partidas específicas de seguridade viaria.
  • Máis de 3 millóns de euros en vías públicas que poden destinarse a melloras de beirarrúas, pavimentos e cruces perigosos.

“Mentres se gastan recursos en carrís bici sen sentido, os pasos de peóns seguen sen pintar e os semáforos continúan apagados. Carballo necesita planificación, mantemento e seguridade, non improvisación”, concluíu Lorenzo.

Un chamamento á responsabilidade

O Grupo Municipal do Partido Popular insta o goberno local a apoiar esta moción e a poñer en marcha un plan serio, transparente e con prazos claros para reducir o risco nas rúas de Carballo.

“A seguridade viaria non pode agardar. Cada día que pasa sen actuar é un día no que milleiros de veciños seguen expostos a un risco evitable. Carballo merece rúas seguras e un goberno á altura”.

Related posts

O Concello de Zas presentará este sábado a súa nova páxina web municipal

Camariñas promocionará en FITUR o impoñente paraíso que alberga a zona de Trece, Reira e Vilán

O Fórum Carballo implanta un sistema de xestión de calidade da formación que se imparte nas súas instalacións