O PP tacha de “cinismo político” as queixas dos alcaldes do PSOE

1 minutes read

Os portavoces do Partido Popular da Costa da Morte cualificaron de “electoralistas” e de “oportunistas” as queixas realizadas polos alcaldes socialistas nas que acusaban ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ter abandonados aos veciños da zona. Tachan de “cinismo político de alto nivel” a postura adoptada polos socialistas, a quen lles lembraron que “non teñen a mesma vehemencia” á hora de facer as reclamacións en asuntos que son competencia do Goberno central, como son as graves consecuencias que vai ter a modificación da Lei de Costas para as empresas e os traballadores da comarca, ou o acceso ao polígono industrial de Vimianzo da SEA.

Para os portavoces do PP é “un deber” dos seus alcaldes pedir diante das administracións o que lles corresponde. “Hai que facelo sempre, goberne quen goberne, pero, no caso dos alcaldes socialistas da Costa da Morte, os veciños teñen que ver un día si e outro tamén como renuncian cando son os do seu partido os que teñen que buscar as solucións”. Os populares lembraron o compromiso que a Xunta mantén coa construción da autovía da Costa da Morte, e que a Xunta analizou a viabilidade de execución dunha conexión entre a vía de altas prestacións da Costa da Morte e o parque empresarial de Vimianzo, que é responsabilidade do Goberno central como promotor.

Por último, os populares incidiron en que na comarca hai dous modelos moi diferentes de gobernar, un cando o fai o PP e outro cando o fai o PSOE. “Fronte ás primeiras pedras de Touriño, Feijóo fixo que a vía de alta capacidade fose unha realidade, e fronte aos anuncios e atrasos de Zapatero respecto ao Parador de Muxía, Rajoy licitou e conseguiu que hoxe o Parador estea aberto”, remataron os populares.